A profesora da Universidade de Santiago e escritora Teresa Moure vén de publicar a súa última obra, A intervención, onde mestura os temas da arte e a natureza.

-Nesta nova novela fálase de arte. Que máis temas contén?

-A novela trata de arte e natureza, intenta facer unha intervención, ou sexa, unha creación artística onde unha serie de persoas un pouco peculiares toman unha canteira, unha mina de lousa abandonada e deciden plantar alí un xardín. Así que, dalgunha maneira, representa unha reivindicación dos espazos naturais misturada coa creación artística. Unha idea secundaria, pero importante na obra, sería a historia; os personaxes dan continuamente o seu pasado, coa idea de interpretar a historia de cada un deles pero tamén a colectiva, a de Galiza metaforicamente. Hai un xogo tamén entre a loucura e o artista, sempre se cre que o artista é un demente, e na obra hai unha psiquiatra que lles invita a escribir un diario, para que cada un deles busque no seu pasado recordos e forzas ocultas.

-Despois de ambientar outras novelas súas, como Herba Moura, en cidades europeas, por que elixiu agora O Courel?

-Porque é un espazo natural emblemático da nosa rexión e porque alí, desafortunadamente, está a ocorrer unha catástrofe desde o punto de vista ecolóxico. Quería reivindicar a natureza en Galicia.

-Sempre se relacionan as súas obras co realismo máxico. Neste libro tamén o hai?

-Supoño que si, porque na obra hai espazos onde conviven os mortos e os vivos, así que si que ten algúns detalles de realismo máxico. Aínda que cando escribo non me preocupa axustarme a un modelo ou un tipo de literatura.

-A intervención. Cre que é precisa unha intervención nalgún ámbito da sociedade?

-Claro, por suposto. A novela propón unha intervención política e é urxente que os galegos tomemos conciencia da nosa capacidade para transformar a sociedade en moitos sentidos. Un deles, moi urxente, sería este sentido ecolóxico, que me preocupa moito. Ademais eu dedícome á docencia, que é un estatus de intervención, de cambiar a realidade e substituíla por unha mellor. Ilusionámosnos e transmitimos ás persoas máis novas modos de estar críticos ante o mundo.

-Nesta novela pode lerse 'debía denunciar a inepcia dos gobernantes, enraizarse no país, tirar do que é seu'. Poderían estas palabras interpretarse como unha metáfora do decreto do galego?

-Podería ser, si.

-Cal é a súa opinión neste tema?

-A miña postura é por todos coñecida, teño estado publicamente nas manifestacións e actos da plataforma Queremos Galego. Hai que parar ese decreto e hai que deslexitimar a quen o emite, a quen ousa pronunciar esa morte anunciada, ese ataque máximo contra a lingua galega.

-O galego está en perigo?

-O galego ten todas as posibilidades de saír desta situación, para iso estamos combatindo. Unha cousa é que teña serias dificultades, inepcias, prexuízos flotando sobre el e que agora están aumentando por mor desa inepcia dos nosos gobernantes, pero non son pesimista en absoluto. Eu falo en galego porque creo que ten futuro: transmito o galego aos meus fillos, imparto as miñas clases en galego e escribo en galego, teño un compromiso máximo e iso quere dicir unha esperanza máxima de que poidamos invertir este estado.

-Para rematar, que é iso do ecofeminismo? Haino en A intervención?

-Non, nesta novela non hai esa corrente. É unha das correntes de pensamento vixentes no feminismo, un feminismo que procede do Terceiro Mundo, así que non ten moito que ver con esa visión burguesa que hai agora do feminismo na sociedade. Identificaríase cunha relación moi forte entre as mulleres e a natureza, posto que as mulleres padecemos unha situación de dominio e a natureza está tamén a ser dominada. Estou de acordo con esa corrente, pero en concreto nesta obra non pretendo desenvolver unha visión feminista nese sentido.